VOCES EN FEMININO
AUTOBIOGRAFÍA
Unha autobiografía é a suma das mentiras que se poden contar. Eu son tres elementos en desorde: a nena participando en probas de cross, sen poder dar volta atrás, saltar a cinta, deter o paso; a nena que odia o deporte porque nel non se pode perder a adolescente acomplexada por non ser bonita, lista si, mais coas pernas demasiado grandes; pernas que nin sequera me serviron para correr a muller -nova, escura- que aínda fuma ás agachadas, elixe os libros que quere ler, a forma de abotoar as camisas, o carmín; as agullas do reloxo a decidir por ela os seus pasos inseguros. A miña autobiografía é a suma das veces que mentín, as que chorei, as traizóns e soidades que vin aos meus pes, que reguei en silencio. A miña autobiografía é un fracaso inicial, a certeza da morte. Asumir o absurdo para ver os estragos que en vós causa a esperanza. Alba González Sanz
Alba González Sanz