VOCES EN FEMININO

AUGA NA LUA


E as mulleres
poderán coller auga
nos cráteres da cara oculta da lúa,
non lles levara cinco horas ao día
como no seu país
 
alá vivirán mellor 
a auga da lúa incontaminada, 
non é a do campo de tránsito, 
de tan pura 
pode mancar 
como unha estela 
de vidro

nese país de África 
as mulleres van e veñen por auga 
dezaseis veces a distancia á lúa 
cada día 
arriba todo é máis doado 
non estragarán as vértebras 
sendo a gravidade 
tan pequeña

é polo seu ben  
a lúa é lugar seguro 
a salvo de empregadores 
que as violen 
e redes de trata
as nenas esvararán en zorra 
pola neve

poderan influír nas mareas 
durmiran mellor 
polo aumento das ondas delta

cómpre apurar 
aproveitando este intre 
a lúa está perto, 
cada ano distánciase catro centímetros, 
de non ser así 
cando o sol mude nunha estrela vermella 
e sexa destruída 
pola gravidade 
será tarde de mais



Marilar Aleixandre